A instalación situada en Noez (Toledo) terá unha capacidade de xestión de 100.000 toneladas de residuos ao ano para a produción de biometano e de produtos fertilizantes orgánicos.
A planta inxectará unha cantidade de gas renovable equivalente ao consumo de 6.500 fogares e evitará a emisión á atmosfera de 7.280 toneladas de CO2 ao ano.
- Este acordo permite avanzar significativamente a Castela-A Mancha na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, na penetración de enerxía renovable e na economía circular, que converterá o residuo agrogandeiro nun recurso enerxético de alto valor.
Biomethane Initiatives, joint venture constituída hai un ano por Suma Capital, xestora de investimentos en infraestruturas sostibles, e Sitra, compañía castellonenca de tratamento de augas e xestión de residuos, chegou a un acordo con Nedgia, a distribuidora de gas do grupo Naturgy, para a inxección de 40 GWh/ano de biometano na súa rede de gas.
A instalación sitúase no termo municipal de Noez (Toledo) e ten unha superficie de 12,4 hectáreas, das cales 4 estarán destinadas á actividade de produción de biometano. Trátase da primeira planta de gas renovable de Biomethane Initiatives e está previsto que xere 40 GWh ao ano de biometano, volume equivalente ao consumo enerxético anual de 6.500 fogares. As instalacións xerarán, ademais, 30.000 toneladas de fertilizantes sólidos, o que evitará a emisión de 7.280 toneladas de CO2.
O proxecto conta cun investimento de 15 millóns de euros e a súa posta en marcha está prevista para verán do 2024. Nedgia levará a cabo a construción dun gasoduto dedicado de 700 metros dende o punto de produción ata a rede de distribución de gas. A compañía suma no conxunto do país unha infraestrutura de máis de 57.000 quilómetros de rede fundamental para o desenvolvemento do biometano.
A planta Biometano Montes de Toledo: enerxía de proximidade
A construción e explotación desta instalación realízase co obxectivo de dedicala á valorización enerxética de varios subprodutos agrogandeiros, dende esterco vacún e zurro porcino ata lamas de depuradora e residuos das industrias agroalimentarias próximas. Así mesmo, terá unha capacidade de xestión de subprodutos e residuos cun volume de 100.000 toneladas/ano para a produción de biometano e de produtos fertilizantes.
Na planta trataranse anualmente residuos de instalacións próximas, o que producirá un gas renovable de quilómetro cero. En concreto, 50.000 toneladas de esterco, procedente das explotacións de engorde de vacún de carne; 30.000 toneladas de zurros de porco, procedentes de explotacións porcinas, ou 20.000 toneladas de lamas de depuradora e residuos agroalimentarios.
A produción de biometano: a grande oportunidade para Castela-A Mancha
Castela-A Mancha é a terceira comunidade autónoma con maior potencial de produción de biometano, un 13% do total en España, suficiente para descarbonizar o 100% do consumo actual de gas natural na comunidade. Segundo un recente informe de PWC, desenvolver na súa totalidade o potencial de biometano na comunidade autónoma implicaría a construción de 305 plantas, e un investimento total de 5.500 M€ entre plantas e redes, o que contribuirá significativamente á creación de emprego local.
Esta planta é un primeiro paso nesta dirección e supón a creación de 60 postos de traballo entre directos e indirectos.
“Con Biomethane Initiatives, seguimos avanzado no noso propósito de sumar forzas con empresas como Nedgia que comparten a nosa visión, sentando as bases para unha economía máis circular e sostible a través de novas infraestruturas. Cremos que esta plataforma é líder e única en activos de produción de biometano”, destaca Sergio Fernández, socio de Suma Capital.
Pola súa banda, Ricardo Sáez, director xeral de SITRA, puxo en valor que “a planta de Biometano Montes de Toledo non só contribuirá á descarbonización do noso consumo actual de gas natural, senón que tamén xerará emprego a nivel local”. Engade, así mesmo, Sáez: “Un proxecto, no que tamén participou Biovic como responsable da enxeñaría, que afonda no noso compromiso de crear solucións sostibles e enerxeticamente eficientes para unha sociedade máis resiliente e respectuosa co ambiente.”
Por outra banda, Raúl Suárez, CEO de Nedgia, apunta: “O gas renovable e as redes que o vehiculan son cruciais para a transición enerxética e representan unha grande oportunidade para Castela-A Mancha. Este proxecto reafirma o compromiso de Nedgia con esta rexión, e consolida a nosa firme aposta polo biometano como unha enerxía sostible, segura e competitiva.”
Sobre Suma Capital
Suma Capital é unha xestora independente de activos alternativos, líder en transición enerxética e acción polo clima. A empresa centra os seus investimentos en sostibilidade a través de tres programas diferentes: Infraestruturas Sostibles, Capital Crecemento e Venture Capital. Suma Capital foi fundada en 2007 e hoxe é un player europeo con máis de 800 millóns de euros baixo xestión e con presenza en Barcelona, Madrid e París. A división de Infraestruturas Sostibles é unha iniciativa pioneira que leva 10 anos apoiando compañías e proxectos que fomentan a transición enerxética e a economía circular, co obxectivo de obter tanto rendementos financeiros como socioambientais.
Sobre SITRA
SITRA ofrece solucións e servizos integrais e innovadores para a xestión eficiente e sostible da auga na industria, da xeración de gases renovables e da produción de biofertilizantes. Dentro da súa gama de solucións de enxeñaría ambiental executa proxectos de plantas de biometanización.
Realiza unha importante aposta pola actividade innovadora e investigadora para dar con solucións dirixidas a xerar un maior impacto ambiental positivo e para lograr que os seus proxectos teñan unha posición máis competitiva.
Sobre Nedgia
Nedgia, filial do grupo Naturgy, é a compañía líder na actividade de distribución de gas natural en España, onde opera en 11 comunidades autónomas e 1.150 concellos. Conta con máis de 5,4 millóns de puntos de subministración que supoñen o 70 % dos consumidores. O seu principal activo son os 57.000 quilómetros de redes que permiten facer chegar hoxe, de forma segura e eficiente, a subministración enerxética de gas natural e de gas renovable (biometano), así como de hidróxeno no futuro. A innovación, proximidade e atención ao cliente forman parte da súa razón de ser e caracterizan a súa actividade. Nedgia mantén unha aposta decidida polos gases renovables e a súa incorporación ás infraestruturas do sistema gasista: conta con 5 plantas de biometano en operación, que inxectan na súa infraestrutura de redes, e unha carteira adicional de máis de 200 proxectos en diferentes fases de desenvolvemento que lle permitirán incorporar nova produción deste gas renovable no curto e medio prazo en España, o terceiro país con maior potencial de produción de biometano de Europa.