Asinamos un acordo con CaixaBank para facilitarlles aos clientes a instalación de gas natural nas súas vivendas

Asinamos un acordo con CaixaBank para facilitarlles aos clientes a instalación de gas natural nas súas vivendas

O director de Acordos Estratéxicos de CaixaBank Payments & Consumer, Igor Sanchez, e a nosa directora de Estratexia Comercial e Transformación, Elena Longarela, asinaron un acordo de colaboración para financiar, en condicións moi vantaxosas, o custo da instalación de gas natural para clientes do sector residencial.

O convenio, de ámbito nacional, financiará ao 0 % o custo da instalación dos novos clientes que queiran incrementar o confort nos seus fogares mediante a instalación de solucións de alta eficiencia a gas natural que se conectarán á nosa rede de distribución.

Grazas a esta iniciativa, os clientes poderán gozar de condicións moi vantaxosas, sempre que o soliciten a través de empresas instaladoras adheridas á campaña, cun financiamento ao 0 % TIN a 36 meses e a posibilidade de acceder ou ben á instalación só de auga quente (máximo de financiamento de 900 euros) ou á de calefacción para gozar de calor homoxénea en todo o fogar (cun máximo de 4.000 euros de financiamento).

Pola súa banda, as empresas instaladoras poderán adherirse as campañas mediante un proceso moi sinxelo e accesible de forma dixital a través da nosa web.

CaixaBank Payments & Consumer apoiará tanto a Negdia como ás súas empresas colaboradoras nos procedementos operativos dos financiamentos con solucións moi áxiles para os distribuidores, grazas á tramitación online e o aboamento inmediato das operacións.

 

Sobre CaixaBank Payments & Consumer

CaixaBank Payments & Consumer, filial 100 % de CaixaBank, é a entidade líder en financiamento ao consumo e medios de pagamento en España froito da unión de CaixaBank Payments, CaixaBank Consumer Finance, PromoCaixa e 20 filiais máis.

A compañía, presidida por Juan Antonio Alcaraz, director xeral de CaixaBank, e cuxo conselleiro delegado é Juan Gandarias, xestiona un crédito vivo de preto de 8.300 millóns de euros e é a entidade líder en pagamento con tarxeta, cun parque de 20,4 millóns de unidades comercializadas e unha cota por facturación do 23,3 % en compras e do 24,1 % a través dos TPV nos comercios.

A misión da compañía céntrase en desenvolver solucións para ofrecer a mellor experiencia de pagamento e facilitar o financiamento das ilusións e proxectos dos clientes, de forma sinxela, áxil e responsable, a través de canles propias e acordos con grandes distribuidores comerciais.

 CaixaBank Payments & Consumer, con vocación internacional, conta con máis de 15 millóns de clientes entre España e Portugal, e tamén traballa para acelerar a transformación dixital e as capacidades tecnolóxicas da compañía.

 

Compartir