Logotipo de Nedgia de cabecera

Conectamos á nosa rede unha gasineira privada da Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona

Conectamos á nosa rede unha gasineira privada da Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona

Seguimos aumentando o número de conexións á nosa rede de novas instalacións de recarga de gas natural. Hoxe púxose en marcha unha nova gasineira privada nas instalacións da Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona (MCP nas súas siglas en español) na que repoñerán os vehículos do servizo de augas.

A nova instalación conta cun surtidor con dobre mangueira para o abastecemento de vehículos a gas natural comprimido (GNC), que permite que poidan encher o depósito, simultaneamente, un vehículo lixeiro en 3 minutos e outro pesado, en 10’.

O uso do gas natural como carburante mellorará a calidade do aire da Bisbarra de Pamplona, xa que reduce en máis dun 85 % as emisións de óxidos de nitróxeno e en case o 100 % de partículas en suspensión, principais contaminantes que afectan a saúde humana. Ademais, os motores de gas natural producen ata un 50% menos de emisión sonora e vibracións que os motores diésel.

Ademais das vantaxes ambientais, a Mancomunidade conseguirá aforrar, en só un ano, máis de 31.000 euros (un 40 %), xa que o gas natural é un combustible moi competitivo dende o punto de vista económico se se compara co gasóleo e a gasolina, e pódense acadar aforros de entre o 25 % e o 50 %, en función da solución adoptada.

Novo proxecto integral de gas renovable

Esta nova instalación forma parte dun proxecto integral no que estamos a colaborar coa Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona para xerar gas renovable. A Mancomunidade ten prevista a construción de dúas instalacións de xeración de gas renovable ou biometano que inxectarán máis de 70 GWh de gas verde na rede da nosa filial Nedgia Navarra, e que utilizarán como materia prima o biogás procedente da dixestión da recollida dos residuos urbanos e da dixestión da actual estación depuradora de augas residuais de Arazuri. 

Ademais, este gas renovable tamén moverá os camións do servizo de recollida de lixos e os autobuses do transporte urbano comarcal, que contarán coa súa propia estación de abastecemento de gas renovable nas súas respectivas instalacións.

Coa posta en marcha deste importante proxecto, que xerará aproximadamente 70 GWh de gas renovable ao ano, que equivalen ao consumo de 14.000 fogares españois, deixaranse de emitir á atmosfera 17.000 toneladas de CO2, equivalentes á plantación de case 800.000 árbores.

Este proxecto, que supón un gran paso adiante en noso compromiso coa descarbonización e a economía circular, é posible grazas á fortaleza da rede de distribución de gas natural, na que se realizaron importantes investimentos nos últimos anos para que xa poidan distribuír gas renovable e tamén hidróxeno no medio prazo.

Unha aposta eficiente e sostible

A mobilidade sostible con gas natural é a única alternativa que ofrece solucións para todas as necesidades de mobilidade, dende o transporte de mercadorías de longo percorrido ata os desprazamentos urbanos.

Ademais, os vehículos que utilizan este combustible teñen a etiqueta ECO da Dirección Xeral de Tráfico, polo que gozan de diversas vantaxes como o libre acceso ao centro das cidades en períodos de restricións de acceso por episodios de alta contaminación, incentivos fiscais e bonificacións nas zonas de estacionamento regulado, entre outras.

Segundo datos de GASNAM, a Asociación ibérica que promove o gas natural, o gas renovable e o hidróxeno na mobilidade terrestre e marítima, o parque de vehículos de gas natural continúa crecendo no noso país e pechou o pasado exercicio con case 30.000 unidades, un 25 % máis que en 2019. O incremento máis notable produciuse no segmento dos turismos, que creceu un 30 %, seguido polo das furgonetas, que xa se achega as 5.400 unidades, un 27 % máis.

Sobre a Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona

Fundada en 1982, a Mancomunidade da Bisbarra de Pamplona é unha entidade local integrada por 50 municipios, entre os que se atopa Pamplona, que é titular dos seguintes servizos públicos: ciclo integral da auga (abastecemento, saneamento e depuración das augas residuais), recollida e tratamento dos residuos, transporte urbano comarcal, servizo de taxi e parque fluvial da bisbarra. A Mancomunidade adoptou como modo de xestión dos servizos –tanto do de abastecemento e saneamento de auga, coma do de xestión de residuos e parque fluvial da bisbarra– o definido legalmente como xestión directa a través de sociedade mercantil cuxo capital pertence integramente á Mancomunidade e cuxa denominación é “Servicios de la Comarca de Pamplona, Sociedad Anónima”.  En 2020 a poboación pertencente a todos os municipios integrados na Mancomunidade era de máis de 379.000 habitantes.

Compartir