NEDGIA Galicia leva o gas natural ao municipio de Sada (A Coruña)

NEDGIA Galicia leva o gas natural ao municipio de Sada (A Coruña)

Máis de 2.000 fogares e comercios do núcleo urbano de Sada xa poden gozar das vantaxes que ofrece esta fonte de enerxía.

Sada, 15 de febreiro de 2019.- NEDGIA Galicia realizou a conversión a gas natural das instalacións e equipos de propano de máis de 2.000 clientes na localidade de Sada (A Coruña). Grazas a esta transformación, preto de 5.000 veciños poden ter acceso ao gas natural, unha enerxía máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

Para dar servizo aos novos clientes domésticos e comerciais que queiran beneficiarse das vantaxes do gas natural, a distribuidora construíu un ramal de 2.000 metros que conecta o gasoduto Culleredo-Sada coa rede de distribución desta localidade. Os traballos, que se realizaron de forma áxil e gratuíta para os veciños, realizáronse no prazo aproximado de 4 semanas.

NEDGIA Galicia incrementou a súa presenza na localidade coa transformación das redes de propano e seguirá crecendo nos próximos anos para facer chegar a subministración a máis vivendas, comercios e industrias.

O gas natural é a fonte de enerxía máis limpa, menos contaminante e con menores emisións de CO2 por unidade de enerxía consumida, polo que contribúe a paliar o efecto invernadoiro. Ademais, axúdanos a respirar un aire máis limpo, xa que reduce ata case cero os contaminantes de referencia que miden a calidade do aire.

Presenza de NEDGIA en Galicia

NEDGIA Galicia é a compañía de distribución de gas natural do grupo Naturgy na comunidade galega, onde subministra gas natural a 80 municipios, o que supón que preto do 70% da poboación ten acceso a esta fonte de enerxía. A compañía conta cunha rede de distribución de 3.200 quilómetros que permite levar o gas natural a preto de 290.000 puntos de subministración.

Compartir