A instalación, situada en Cerdanyola del Vallés (Barcelona), poderá inxectar 12 GWh/ano á nosa rede, equivalente ao consumo de 3.200 vivendas con gas natural e evitará a emisión á atmosfera de aproximadamente 2.500 toneladas de CO2/ano, equivalentes a plantar unhas 5.000 árbores.
Estamos ultimando a posta en marcha da primeira instalación para inxectar gas renovable procedente de vertedoiro na rede de distribución de gas. Esta instalación, situada no Parc de l’Alba de Cerdanyola del Vallés (Barcelona) xunto ao vertedoiro de residuos Elena, supoñerá un investimento de 2,2 millóns de euros e producirá 12 GWh/ano de biometano que será inxectado á nosa rede, o que equivale ao consumo anual de 3.200 fogares, e evitará a emisión á atmosfera de aproximadamente 2.500 toneladas de CO2/ano, equivalentes a plantar unhas 5.000 árbores.
Hoxe tivo lugar unha visita institucional ás obras desta nova planta, que contou coa presenza do noso conselleiro delegado de Nedgia, Narcís de Carreras; o conseller d’Empresa i Coneixement, Ramón Tremosa; o director xeral d’Energia, Seguretat Industrial i Seguretat Minera, Manel Torrent; o alcalde de Cerdanyola del Vallés, Carlos Cordón, así como o director do Consorci Urbanístic del Centre Direccional de Cerdanyola del Vallès del Parc de l’Alba, Pere Solà, que é onde está situada a instalación.
Con este novo proxecto, a compañía dá un paso máis na súa aposta pola transición enerxética e a economía circular, ao tempo que se sitúa á vangarda en innovación para poder desenvolver este importante vector enerxético.
Aposta pola economía circular e o coidado do ambiente
A produción e inxección de gases renovables xeran beneficios para todos os axentes involucrados:
- Resolve o problema ambiental das emisións contaminantes asociadas á xestión de residuos, cuxo gas xerado se liberaba ata o momento á atmosfera.
- Valoriza residuos de orixe urbana, ou de explotacións agrícolas ou gandeiras ou de estacións depuradoras de augas residuais, creando modelos de economía circular onde o produtor dos residuos tamén se ve beneficiado.
- Utiliza a rede de distribución existente, minimizando o investimento necesario para adaptar o biogás á calidade necesaria para inxección e consumo, contribuíndo de xeito significativo aos obxectivos de descarbonización de enerxía fixados.
- Impulsa o desenvolvemento económico do medio rural e a cohesión territorial en zonas con retos demográficos.
A nosa rede de distribución está preparada para poder distribuír gases renovables, grazas aos investimentos realizados nos últimos anos, e contribúe á seguridade da subministración. A nosa rede en Cataluña encóntrase moi preto das principais áreas potencialmente xeradoras de biometano (granxas de zurros e estacións depuradoras de augas residuais) o que o fai altamente atractivo para o aproveitamento do biogas.
A posta en marcha da planta de Cerdanyola del Vallés é un claro reflexo, ademais, da nosa aposta pola produción local, de cara a reducir a dependencia enerxética do exterior, ao tempo que se potencia unha xestión sostible dos residuos xerados e se dá un paso adiante cara á economía circular.